Saturday 27 de April de 2024

A Deputación da Coruña concede o premio “Fotógrafo Histórico” ao Arquivo Vidal do Concello de Laxe


O alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón recolleu o premio nun acto en que participaron o vicepresidente Xosé Regueira e o deputado de Cultura, Xurxo Couto

A Deputación da Coruña concede o premio
O Arquivo Vidal foi recoñecido esta mañá no Salón de Plenos da Deputación da Coruña co premio “Fotógrafo Histórico” por ser un proxecto singular e modelo para a recuperación do patrimonio fotográfico local e da historia social dos concellos. O acto estivo presidido polo vicepresidente e o deputado de Cultura da Deputación, Xosé Regueira e Xurxo Souto o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón.

Por vez primeira desde o seu nacemento, o premio “Fotógrafo Histórico” da Deputación da Coruña recaeu nun proxecto e non nun autor ou autora. Nesta ocasión, foi o Arquivo Vidal, do Concello de Laxe, o recoñecido coa homenaxe nun acto que estivo presidido polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e Xurxo Couto e no que recolleu o premio o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón.

Como “buque insignia da potencia cultural de Bergantiños e a Costa da Morte”, definiu o vicepresidente Xosé Regueira o Arquivo Vidal de Laxe no inicio dun acto no que participaron tamén membros da familia dos fotógrafos Plácido e José Vidal, o estudoso da súa obra Xan X. Fernández Carrera e o técnico responsábel do proxecto, Joaquín Vidal. Regueira agradeceu aos fotógrafos o seu labor como cronistas dun tempo e dunha comarca e tamén “á familia que conservou o legado que grazas a iso chegou até nós e será un legado para xeracións vindeiras.

O deputado Xurxo Couto parabenizou á familia e o concello por conservar e difundir “un legado importantísimo que pode ser modelo a imitar en outros concellos que teñan vontade de recuperar a súa memoria fotográfica e local”. Destacou que o Arquivo Vidal é unha crónica completa da historia social de Bergantiños e Soneira e mostra como se vivía na comarca, os episodios históricos e o transcorrer cotiá dunha veciñanza que se recoñece nas imaxes dos fotógrafos.

Recolleu o premio o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, que agradeceu o recoñecemento e destacou “o importante labor, a ilusión e o agarimo que neste proxecto depositaron non só a familia senón moitas persoas que participaron nel” e, en especial, fixo referencia ao técnico Joaquín Vidal que contribuíu de maneira destacada ao tratamento, conservación e difusión do legado.

O fotógrafo Xurxo Lobato destacou que a iniciativa forma parte do programa do Premio Ksado que é máis que un certame a idea non é só dar o premio senón contribuír á formación con obradoiros como os que este ano impartiron Jorge Represas e Ana Palacios e recoñecer a historia da fotografía coa homenaxe que hoxe tivo lugar na Deputación da Coruña. Na súa intervención fixo un chamamento para que os concellos recuperen a súa memoria gráfica, con profesionalidade, para que a veciñanza coñeza o seu pasado e para conservar e difundir un legado dun valor incalculábel.

Arquivo Vidal

O Arquivo Fotográfico Vidal está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas desde finais do século XIX a finais do XX polos fotógrafos José María e o seu pai Plácido Vidal.

O fondo ten o retrato como temática principal, en festas populares ou no propio domicilio do autor ou mesmo co mar de Laxe como fondo do repertorio retratístico. Os Vidal son tamén cronistas gráficos de Laxe xa que a súa cámara deixou pegada dos acontecementos sociais, festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos ou visitantes ilustres das terras de Bergantiños e Soneira.